Posts Tagged 'alineacion eusebio celta de vigo'

Eusebio apostará por un 4-3-3

Dous días de adestramento á fronte do Celta encargáronse de anunciar que o regreso do fútbol está en camiño. Eusebio Sancristán incidiu no 4-3-3 en todos os seus ensaios ata o momento, co toque e a chegada como motivos principais da súa aposta e coa presión en zonas de risco para o rival como principal recurso defensivo.

O cambio de entrada, e pendente dos resultados, parece radical. Salvo contadas excepcións o músculo, a defensa e a contra foron o caldo de cultivo celeste ao longo do último ano e medio, aspectos levados á súa máxima expresión por Pepe Murcia, que rescatou a defensa de cinco unidades e o trivote con acento defensivo.

O valisoletano tamén apostará por unha liña de tres no medio campo, pero cunha confección completamente diferente. En todos os seus ensaios combinou os mediocentros de carácter defensivos con futbolistas como Trashorras ou Michu que teñen moita máis chegada. A idea por encima de todo é ter o balón. Converter ao Celta nun equipo protagonista e non nun sobrevivente.

En ataque, imponse as teorías do cruyffismo. Dous extremos moi abertos e un punta como referencia. Dani Abalo, Óscar Díaz, Ghilas e ata Maris deben profundar no xogo de costado mentres o remate parece máis cuestión de Dinei e David Rodríguez.

Atrás, non haberá experimentos con laterais de longo percorrido, pero si risco controlado. A presión sobre o rival ten que ser moito máis arriba, preto da súa zona de influencia. Ata o momento o Celta esperaba, nalgúns casos case colgado do traveseiro como sucedera na ida en Huesca.

A súa aposta pretende pór en dúbida o manual de Segunda División. O que indica que xogo e resultados son conceptos antagónicos nunha categoría onde o músculo, a fortaleza defensiva e a estratexia parecen primar por encima do demais. Trashorras puxo en dúbida tan manido argumento: «Creo que en todas as categorías pódese xogar ao fútbol. Penso que o que máis propoña e máis ocasións cre é o que ten máis posibilidades de gañar. Penso que o mellor xogue case sempre acabará gañando. Non creo que iso non se poida dar en Segunda División, é un tópico do que se di. Coñezo equipos que subiron xogando ben e outros non moi ben». De feito o Hércules e o Tenerife, e ata o Zaragoza están apostando polo fútbol de ataque e a táboa di que non lles vai nada mal.

Este desafío co risco parece ademais máis acorde co tipo de futbolistas que reúne o cadro de persoal do Celta, con xogadores de calidade, con homes con desborde por banda e con cinco mediocentros que raramente terían cabida noutro sistema que anulase o trivote. A Eusebio quédanlle dous días máis para perfilar a estratexia. Despois o Huesca emitirá o primeiro veredicto.

alineacion4331


HalaCelta.Es

Visitas

  • 48.487